Transcriptómica

A transcriptómica é unha rama da bioloxía molecular que estuda a expresión dos xenes a nivel de ARN (ácido ribonucleico). Existe unha ampla gama de técnicas empregadas na transcriptómica que permiten cuantificar millóns de moléculas de ARN ao mesmo tempo. Este proxecto céntrase nos datos extraídos de mostras biolóxicas recollidas durante concertos experimentais de forma minimamente invasiva (sangue obtido por punción capilar e saliva). Actualmente estamos a analizar centos de mostras de saliva recollidas en persoas con deterioro cognitivo, dano cerebral, demencia, trastorno do espectro autista e máis de 300 mostras de persoas sen patoloxías. É a primeira vez que se estuda se a música é capaz de alterar a expresión xénica empregando a saliva como mostra biolóxica.